A protección está presente en todo o que facemos

Os servizos de Google están protexidos continuamente por unha das infraestruturas de seguranza máis avanzadas do mundo. Esta seguranza integrada detecta e evita ameazas en liña, de modo que podes confiar en que a túa información persoal estará protexida.

Reforzamos a protección con tecnoloxías de seguranza continuamente actualizadas

  • A encriptación mantén os teus datos privados e protéxeos mentres se transfiren

    A encriptación proporciona un nivel superior de seguranza e privacidade aos nosos servizos. Cando envías un correo electrónico, compartes un vídeo, visitas un sitio web ou almacenas fotos, os datos que creas transfírense entre o teu dispositivo, os servizos de Google e os nosos centros de datos. Protexémolos con varias capas de seguranza que inclúen as mellores tecnoloxías de encriptación, como HTTPS e Transport Layer Security.

  • A nosa infraestrutura na nube protexe os datos permanentemente

    Utilizamos unha das infraestruturas da nube máis seguras e fiables do mundo, que conta con características como centros de datos personalizados e cables de fibra submarinos que permiten transferir datos entre os continentes. Ademais, supervísase continuamente para protexer os teus datos e permitir que estean dispoñibles cando os necesites. De feito, distribuímos os datos en varios centros, polo que en caso de incendio ou catástrofe natural, poden enviarse de xeito automático e sen problemas a localizacións estables e seguras.

  • Gmail protéxete contra os correos electrónicos sospeitosos en envíache alertas para informarte dos riscos

    Moitos ataques de software malicioso e de phishing comezan cun correo electrónico. Gmail protéxete contra o spam, o phishing e o software malicioso mellor que calquera outro servizo de correo electrónico. Grazas á aprendizaxe automática e á intelixencia artificial, Gmail analiza os padróns que seguen miles de millóns de mensaxes para identificar as características dos correos electrónicos que os usuarios marcan como spam e utilízaos para bloquear o 99,9 % dos correos electrónicos sospeitosos ou perigosos mesmo antes de que os recibas.

    Gmail ofrece varias medidas de protección, como enviarche alertas cando recibes correos electrónicos potencialmente perigosos, permitirche denunciar por spam os correos electrónicos sospeitosos e o modo confidencial, que fai que as mensaxes caduquen tras o período de tempo que definas e non permite que os destinatarios os reenvíen, copien, descarguen nin impriman.

  • Actualizacións automáticas de Chrome para protexerte contra o software malicioso e os sitios enganosos

    As tecnoloxías da seguranza evolucionan constantemente, polo que Chrome comproba frecuentemente se tes a versión do navegador máis recente. Esta inclúe as últimas melloras de seguranza, as proteccións máis recentes contra o software malicioso e os sitios enganosos e moito máis. Ademais, actualízase automaticamente, polo que é fácil dispoñer sempre da última tecnoloxía de seguranza de Chrome.

  • Bloqueamos anuncios maliciosos e enganosos antes de que che afecten

    A túa seguranza e experiencia en liña pódense ver afectadas por anuncios que conteñan software malicioso, oculten o contido que tentas ver, promovan falsificacións ou infrinxan dalgunha outra forma as nosas políticas publicitarias. Tomamos este problema moi en serio. Todos os anos bloqueamos miles de millóns de anuncios de mala calidade (o que supón unha media de 100 por segundo), xa que combinamos o traballo de revisores humanos con sofisticados bloqueos por software. Tamén che proporcionamos ferramentas que che permiten denunciar anuncios ofensivos e controlar os tipos de anuncios que se che mostran. Ademais, publicamos periodicamente as nosas estatísticas e prácticas recomendadas para que Internet sexa máis segura para todos.

  • Non permitimos que os gobernos accedan directamente aos datos

    Que quede claro que nunca outorgamos acceso mediante "portas traseiras" aos datos dos usuarios nin aos servidores que os almacenan. Isto implica que ningún organismo gobernamental, sexa dos Estados Unidos ou doutro lugar, pode acceder directamente á información dos usuarios. Revisamos todas as solicitudes de datos dos usuarios que recibimos. Rexeitámolas cando son demasiado xenéricas e ofrecemos información sobre elas no noso Informe de transparencia (dispoñible en castelán).

  • Google Play Protect permite protexer o teu dispositivo Android, as túas aplicacións e os teus datos

    Google Play Protect está integrado no teu dispositivo Android e funciona continuamente en segundo plano para protexer os teus datos, as túas aplicacións e o teu dispositivo. Analizamos as aplicacións antes, durante e despois da descarga, independentemente do lugar desde o que as descargues.

  • Enviámosche notificacións de seguranza personalizadas para avisarte dos problemas potenciais e axudarche a protexerte

    Enviarémosche notificacións de forma proactiva se detectamos algo que consideramos que debas saber, como inicios de sesión sospeitosos ou aplicacións, ficheiros e sitios web maliciosos. Tamén che indicaremos como podes protexerte mellor. Por exemplo, en Gmail, avisarémoste antes de descargar anexos que poidan poñer en risco a túa seguranza ou se alguén inicia sesión na túa conta desde un dispositivo non asociado a ti. Cando detectamos algo sospeitoso na túa conta, enviamos unha notificación á túa bandexa de entrada ou ao teu teléfono para que poidas protexer a túa conta cun só clic.

Máis información sobre os esforzos que realizamos a prol da seguranza

A túa seguranza

Protexémoste en liña con seguranza líder do sector.

A túa privacidade

Creamos un concepto de privacidade que funciona con todo o mundo.

Para familias

Axudámosche a xestionar o que máis lle convén á túa familia en liña.