Colaboramos para reforzar a seguranza en Internet

Google leva moitos anos compartindo publicamente os seus coñecementos, a súa experiencia e as súas tecnoloxías de seguranza con socios, competidores e organizacións de todo o mundo. E a medida que as ameazas de seguranza evolucionan, esta continua colaboración de todo o sector é fundamental para protexer os usuarios e axudar a crear unha Internet máis segura entre todos.

Ao compartir as nosas solucións de seguranza podemos conseguir que a Internet sexa máis segura

  • A Navegación segura protéxete contra anuncios, aplicacións e sitios perigosos

    Creamos a tecnoloxía de Navegación segura (dispoñible en inglés) para protexer os usuarios da web contra o software malicioso e o phishing mostrándolles alertas cando tentan visitar sitios web perigosos. Con todo, non só protexe os usuarios de Chrome. Para que Internet fose máis segura para todo o mundo, liberamos esta tecnoloxía co fin de que outras empresas a usasen nos seus navegadores, como Safari, de Apple, e Firefox, de Mozilla. A Navegación segura xa protexe máis de 3000 millóns de dispositivos. Tamén avisamos os propietarios dos sitios web cando os seus sitios teñen problemas de seguranza e ofrecémoslles ferramentas gratuítas para que poidan solucionalos rapidamente.

  • A encriptación HTTPS protéxete mentres navegas por Internet

    Grazas á encriptación HTTPS dos nosos servizos, podes conectarte a sitios e introducir a túa información privada, como os números das túas tarxetas de crédito, sen que ninguén poida interceptala. Co fin de que outros sitios web inclúan esta medida de seguranza, ofrecemos ferramentas e recursos para programadores. A encriptación HTTPS é un dos aspectos que analiza o algoritmo da Busca de Google ao clasificar os sitios web que se mostran nos resultados de busca. Tamén se utiliza nos dominios de nivel superior, como .google ou .app, que utilizan a precarga de HSTS (dispoñible en inglés) para forzar o uso de HTTPS nestes dominios.

  • Ofrecemos ferramentas aos programadores para que poidan evitar riscos de seguranza

    Cando cremos que a nosa tecnoloxía de seguranza pode ser útil para os demais, compartímola. Por exemplo, o escáner de seguranza de Google Cloud está dispoñible para que calquera programador poida analizar as súas aplicacións web en App Engine e detectar vulnerabilidades de seguranza.

  • Project Shield evita que os sitios web de noticias deixen de funcionar

    Project Shield (dispoñible en castelán) é un servizo que utiliza a tecnoloxía para protexer as noticias, os dereitos humanos e os sitios electorais de ataques distribuídos de denegación de servizo (DDoS). Estes ataques tentan impedir o funcionamento dos sitios web saturándoos con tráfico falso para evitar que os votantes poidan acceder a información vital. Sexa cal sexa o tamaño do sitio web ou a envergadura do ataque, Project Shield sempre é gratuíto.

Transparencia e innovación en materia de seguranza líderes no sector

  • Protexemos os usuarios en risco de sufrir ataques específicos co noso sistema máis seguro

    Ata os usuarios máis coidadosos coa súa seguranza poden ser vítimas do phishing ou doutros ataques específicos e sofisticados. O programa Protección avanzada é a solución máis segura que ofrece Google. Deseñouse para protexer as Contas de Google persoais das persoas que corren máis risco de sufrir este tipo de ataques, como políticos, equipos de campañas electorais, xornalistas, activistas, líderes de empresas e, en xeral, calquera persoa que se considere vulnerable a ataques dixitais sofisticados.

  • Compartimos os datos das nosas iniciativas e directrices para promover unha Internet máis segura

    Desde 2010, publicamos o Informe de transparencia (dispoñible en castelán), que inclúe estatísticas como a detección de phishing e software malicioso e iniciativas de seguranza como a Navegación segura. Tamén compartimos datos sobre a adopción da encriptación de sitios web e correo electrónico no sector. Non só o facemos para compartir os nosos avances cos usuarios, senón tamén para incitar outras empresas a utilizar estándares de seguranza máis sólidos que permitan que todos teñamos unha Internet máis segura.

Melloramos os estándares para aumentar a seguranza en todo o sector

  • Ofrecemos recompensas por descubrir vulnerabilidades de seguranza

    En Google somos pioneiros dos programas de recompensas de seguranza, que pagan a investigadores independentes por encontrar vulnerabilidades de seguranza nos nosos servizos. Para agradecérllelo, todos os anos outorgamos varios millóns de dólares en subvencións para a investigación e recompensas polo descubrimento de erros. Ofrecemos recompensas por atopar vulnerabilidades en moitos dos nosos produtos, como Chrome e Android.

    Ademais de colaborar con investigadores independentes, contamos cun equipo interno de enxeñeiros chamado "Project Zero", que busca os problemas de seguranza do software utilizado en Internet e fai propostas para solucionalos.

  • Colaboramos cos principais investigadores para avanzar no desenvolvemento de solucións de seguranza

    Os nosos investigadores colaboran estreitamente con socios académicos, grupos industriais e ONG para avanzar no estudo da seguranza, da privacidade e da loita contra o uso inadecuado. Desenvolvemos solucións revolucionarias para protexer os usuarios estean onde estean mediante a colaboración activa. Ademais, os nosos investigadores contribúen a ambiciosos proxectos de investigación ofrecendo a súa experiencia e ofrecendo acceso aos recursos de Google.

  • Melloramos os estándares de autenticación para que puideses iniciar sesión da forma máis segura posible

    Sempre estivemos á vangarda da cocreación e da adopción dos estándares de autenticación e inicio de sesión máis seguros da web. Colaboramos co sector e compartimos tecnoloxía desenvolvendo estándares web centralizados. A raíz dunha colaboración coa FIDO Alliance permitiunos definir e desenvolver novos estándares do sector para que os empregados puidesen acceder de forma segura ás contas proporcionadas polas súas empresas.

  • Ofrecemos formación para mellorar a seguranza de todos

    Ofrecemos material educativo, formación e ferramentas para que todas as persoas do mundo poidan aprender a protexerse en liña. O noso equipo de alcance fai chegar formación e recursos de seguranza en liña a máis de 100 millóns de persoas, entre as que se inclúen educadores, estudantes, pais, anciáns e persoas con discapacidades.

Máis información sobre os esforzos que realizamos a prol da seguranza

A túa seguranza

Protexémoste en liña con seguranza líder do sector.

A túa privacidade

Creamos un concepto de privacidade que funciona con todo o mundo.

Para familias

Axudámosche a xestionar o que máis lle convén á túa familia en liña.